AS NOSAS MÚSICAS pretende achegar a música e os instrumentos tradicionais galegos ás novas xeracións de rapazas e rapaces, querendo así fomentar o interese e o aprecio por unha parte tan importante da nosa cultura e identidade como é a música.
Mais tan importante como a didáctica é a diversión á hora de aprender cousas novas. Á paixón pola música tradicional de Juan Álvarez e Gabi Vacaloura súmaselle a ilustración en directo de Laura Romero, polo que será un espectáculo multidisciplinar, onde as cativas e os cativos terán que “afinar” tanto as orellas como os ollos.
A actividade.
A actividade consiste nun concerto didáctico, é dicir, unha combinación entre música en directo e narración, co apoio visual da ilustración en vivo. Iranse mostrando varios instrumentos tradicionais galegos, incidindo nas súas particularidades sonoras e estruturais, así como na súa evolución ao longo do tempo. Ao mesmo tempo, repararase nas formacións musicais populares das que forman parte e o seu rol na sociedade. Todo iso, como non, con interpretacións musicais en vivo.
O contido do espectáculo está dividido en catro partes.

Quen somos.
Juan Álvarez
É músico e profesor de música tradicional, gaiteiro, voz, zanfonista e percusións n’Os Carunchos desde o ano 2016. É profesor de gaita e percusión tradicional na Asociación Veciñal Casco Vello de Vigo, na AV Fontes de Vilar (Lavadores, Vigo) e na AV de Teis. Participou nos obradoiros anuais de música tradicional polos colexios de Vigo organizados pola AV Casco Vello de Vigo con motivo da Festa da Reconquista.
Gabi Vacaloura (Gabriel Pérez Torrón)
Músico profesional. Gaiteiro e divulgador. Mestre de gaita na AVC Casco Vello de Vigo e na AV. de Teis. Director do coro tradicional «Tirapuxa» de Trasmañó. Participou nos obradoiros anuais de música tradicional polos colexios de Vigo organizados pola Asociación Veciñal Casco Vello de Vigo con motivo da Festa da Reconquista.
Laura Romero
É ilustradora, música (baixista da banda Zënzar) e creadora do proxecto Músicas Galegas Ilustradas, co que gaña o premio Martín Códax ao mellor proxecto de difusión musical. Participa en varios obradoiros e actividades para todo tipo de público: Cores, Contos e Rock’n’Roll (co músico Pakolas) para cativada, Música e Lingua (Zënzar) para mocidade…
Ficha técnica
Público. Idade recomendada: de 8 a 12 anos. O abano pódese abrir desde os 6 ata os 13 anos.
Duración: entre 50 e 60 min.
Necesidades do espazo: escenario ou espazo de 5m de ancho aprox. Toma de corriente de 220V. Boa iluminación.
Anotacións: a ilustración a realizar terá unhas dimensións de 147 cm de ancho por 100 cm de alto.