
Músicas Galegas Ilustradas é un proxecto que combina as dúas facetas da súa autora, Laura Romero, ilustradora e música. Forma parte da banda decana do rock galego Zënzar desde febreiro do 2016, substituíndo a Tabe (membro fundador) ó baixo. Meses máis tarde comeza a tocar ca banda en diversos festivais por toda Galicia, e é cando se da conta da escasa participación de mulleres en relación á dos homes. A idea inicial que deu paso a este proxecto de ilustración e música galega foi a elaboración dunha listaxe de nomes, que meses máis tarde, concretamente en xuño do 2017, comezarían a ser retratos.
O proxecto comeza a agromar desa listaxe de nomes femininos, facendo unha ilustración de cada un deles. Cada unha das ilustracións, dedicadas a unha artista (no caso das músicas con carreira en solitario) ou a varias (se son compañeiras de banda ou de proxecto) van acompañadas dun breve texto. Gracias ó estilo das ilustracións o proxecto vai acadando o seu propósito: difundir e dar visibilidade ás mulleres do panorama musical galego.
Actualmente está formado por máis de 250 ilustracións e varios gráficos onde se analiza a proporción de músicas e de músicos que participan nos festivais galegos. Foi gañador dun Premios Martín Códax da Música como mellor medio de comunicación no ano 2020, premios nos que xa fora finalista no 2018, con só un ano de vida, e no 2019 repetindo candidatura xunto ó Diario Cultural e Lume na Palleira da Radio Galega. É parte da actividade Música e Lingua: repaso da nosa música contemporánea e o papel da muller nela, deseñada para alumnado de secundaria e levada a cabo pola banda Zënzar. Expúxose en varios puntos de Galicia e foi un dos proxectos da actividade O galego, a miña lingua propia da Deputación da Coruña (cunha charla-reflexión titulada As mulleres na música galega).

En novembro do 2019 sae á venda o libro ilustrado Ferreñas e Rock’n’Roll, unha crónica ilustrada dunha trintena de mulleres pioneiras na música galega, moitas delas descoñecidas, esquecidas ou infravaloradas. O libro, subproxecto de Músicas Galegas Ilustradas, foi premiado no II Concurso de Ideas “Luísa Villalta” de Proxectos Culturais pola Igualdade, outorgado pola Deputación da Coruña. Con textos da escritora e filóloga Iria Pedreira, foi editado por Baía Edicións. Este traballo foi dirixido por Laura Romero durante todo o proceso, desde a recollida de información (a meirande parte de forma oral, citándose coas propias músicas) ata o deseño de capítulos, e por suposto as ilustracións. Xurxo Souto foi o encargado de escribir o limiar.
Podedes seguir a Músicas Galegas Ilustradas en: